Selectividade

 

Inscrición

A inscrición efectuarase preferentemente on line a través do programa Nerta ou de forma presencial nos diferentes LERDS dos campus universitarios galegos.

 As taxas de inscrición son:

  • 63,67 € : Taxa ordinaria
  • 31,84€ : Familia numerosa 1º-2º categoría xeral (Fotocopia compulsada do carné de familia Numerosa)
  • Exención total:
    • Familia numerosa honra especial (Fotocopia compulsada do carné de familia Numerosa).
    • O persoal das Universidades do SUG, os seus fillos, cónxuxe ou persoa de análoga relación. (Certificado do departamento de persoal da universidade do SUG, xunto coa fotocopia do libro de familia para o cónxuxe e os fillos).

 

 

Estrutura

A proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de Grao (PAU) estrutúrase en dúas fases:

  • Fase Xeral: ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe acadar o estudante ao finalizar o bacharelato. Consta dos exercicios seguintes
    • Lingua Castelá e Literatura
    • Lingua Galega e Literatura
    • Historia de España ou Historia da Filosofía
    • Lingua Estranxeira
    • Materia de modalidade de segundo de bacharelato

A cualificación da fase xeral ten duración indefinida.

  • Fase específica: de carácter voluntario. Ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretende cursar e permite mellorar a cualificación obtida na Fase Xeral. Cada estudante poderá matricularse dun máximo de catro materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para ao 5º exercicio da Fase Xeral, sempre que o estudante se examine da Fase Xeral e a Específica na mesma convocatoria

A fase específica terá unha validez para o acceso á universidade durante os dous cursos académicos seguintes á súa superación. Por exemplo para o acceso á universidade no curso 13/14, son válidas as cualificacións se superaches as materias no ano 2012 en adiante (as do ano 2011 ou anteriores xa non son válidas).

NOTA DE ADMISIÓN Á UNIVERSIDADE

A nota de admisión se calculará coa seguinte fórmula e se expresará con 3 cifras decimais, redondeadas á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Nota bacharelato* 0,6+ nota fase xeral*0,4+ a*M1+ b*M2

M1 e M2 son as cualificacións dun máximo de dous exercicios, superados na Fase específica, que proporcionen a mellor nota de admisión.

a e b son parámetros de ponderación da fase específica. Estes parámetros poderán ter un valor de 0,1 ou 0,2

Notas de corte

A nota de corte das diferentes titulacións é a nota do último alumno que accedeu a esa titulación no curso académico anterior.

Pódense consultar as notas de corte do ano picando na seguinte ligazón

 NOTAS DE CORTE

Reclamacións

Sobre a cualificación outorgada de cada materia despois da primeira corrección e no prazo de tres días hábiles contados  a partir da data de publicación das cualificacións, cada estudante poderá presentar solicitude de reclamación ou segunda corrección.

As solicitudes de reclamación e segunda corrección poderán presentarse no lugar de entrega e recollida de información (LERD) no cal se entregou a solicitude de matricula para a PAU, empregando os impresos específicos a tal efecto, ou a través da aplicación informática NERTA, non sendo preciso neste caso a entrega das solicitudes nos LERD.

  • Segunda corrección: publicadas as cualificacións provisionais, o alumnado poderá presentar ante o presidente do Tribunal, solicitude dunha segunda corrección dos exercicios nos que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e/ou específicos de corrección. Este procedemento efectuarase no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo establecido anteriormente. Sobre a cualificación outorgada despois do proceso de segunda corrección, o estudante poderá presentar reclamación ante a Comisión Organizadora, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución da segunda corrección. A cualificación definitiva será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior a outorgada na segunda corrección.
  • Reclamación: unha vez publicadas as cualificacións provisionais, o alumnado poderá presentar unha solicitude de reclamación ante a Comisión Organizadora das PAU sobre a cualificación outorgada en cada unha das materias das que se fixese exame daqueles exercicios dos que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e/ou específicos de corrección. A presentación de reclamación excluirá a posibilidade de solicitar dobre corrección.

 

Parámetros de ponderación

Serán de aplicación aos estudantes de bacharelato e ciclo formativo. Os parámetros de ponderación son os factores polos que se multiplican as notas obtidas nas materias da fase específica para sumar na fórmula definitiva da nota de admisión á universidade. Poden ser 0,1 o 0,2 en función da titulación e da materia. Debes escoller a titulación á que queiras acceder e averiguar para a mesma qué materias ponderan máis. Pódense consultar na seguinte ligazón

 PARÁMETROS DE PONDERACIÓN

Traslado de expediente e solicitude duplicado tarxeta universitaria

Traslado de expediente

Os estudantes que superaron a proba de acceso na Universidade de Vigo e desexen iniciar estudos noutra universidade, deberán solicitar traslado de expediente. A continuación se detalla o procedemento a seguir.

Todos aqueles estudantes que, cando solicitan o traslado, estean matriculados na Universidade de Vigo ou noutra Universidade galega ou española, deberán anular a citada matrícula polo procedemento e dentro dos prazos establecidos por cada unha delas.

Na Universidade de destino deberedes entregar unha copia do resgardo de taxas que se imprime da páxina da Universidade de Vigo e copia da solicitude asinada por ti.

Duplicado tarxeta selectividade

Se fixeches a proba de acceso á universidade en Galicia antes do ano 1993, a solicitude de duplicado debe facerse á Universidade de Santiago de Compostela. Podes contactar con eles a través do mail alu181@si.usc.es

Se fixeches a selectividade no ano 1993 ou posteriores, podes solicitala no LERD seguindo o procedemento citado a continuación

Procedemento de solicitude traslado e tarxeta

COMÚN (para ambas solicitudes)

  • Entrar en https://matricula.uvigo.es e darse de alta na Secretaría Virtual do Estudante da Universidade de Vigo.
  • Unha vez rematada a alta, e sen sair da aplicación, picar no apartado "Autoliquidacións" da secretaría (menú da esquerda-Apartado taxas) e xerar as taxas de traslado de expediente ou de certificación de selectividade
  • Escoller a forma de pago (tarxeta ou efectivo). No caso de efectivo, o programa xerará un pdf, con varias páxinas, que haberá que imprimir e levar ao Banco indicado para facer o pago requirido
  • Enviar ao SIOPE a documentación requirida en cada caso (consultar a continuación). Formas de presentación da documentación:
    • Presencialmente, no SIOPE (Edificio Miralles.Universidade de Vigo. Campus Lagoas-Marcosende sn, 36310. Vigo. Pontevedra
    • A través dos rexistro xeral ou auxiliares da Universidade de Vigo (campus lagoas-marcosende, torrecedeira, Pontevedra ou Ourense)
    • Por correo postal, á dirección citada anteriormente
    • Por correo electrónico, ao mail siope@uvigo.es

Documentación a presentar no SIOPE

Traslado

  • Impreso de solicitude (DESCARGAR)
  • Resguardo de pagamento das taxas de traslado (selado polo Banco no caso de pago en efectivo)
  • Fotocopia do DNI
  • Fotocopia da carta de admisión ou matrícula da universidade de destino.

 Tarxeta de selectividade

  • Resgardo de pagamento das taxas de emisión de certificado (selado polo banco no caso de pago en efectivo).
  • Fotocopia de DNI

 MAIS INFORMACIÓN

Podes consultar estos documentos

  • Manual de instruccións para persoas con clave na Secretaría Virtual. PINCHA AQUÍ
  • Manual de instruccións para persoas sen clave na Secretaría Virtual. PINCHA AQUÍ

 

Ordenacións educativas anteriores

 Ademais das persoas que se atopen en posesión do título de bacharelato ou equivalente establecido no Real Decreto 1892/2008, do 14 de novembro, tamén poderán presentarse á proba de acceso á Universidade (PAU) as persoas que reúnan calquera dos seguintes requisitos segundo normativas anteriores:

  • Título de bacharelato establecido pola Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • Título de bacharelato establecido pola Lei Orgánica 1/1190, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo.
  • Certificado acreditativo de ter superado o curso de orientación universitaria.
  • Certificado acreditativo de ter superado o curso preuniversitario.
  • Calquera outro título que o Ministerio de Educación declare equivalente, para estes efectos, ao título de bacharel, regulado pola Lei Orgánica 2/2006 , do 3 de maio, de educación.

Tal e como establece o Real Decreto 558/2010, de 7 de maio, e a Orde EDU/3242/2010, de 9 de decembro, aqueles que se atopen en posesión do título de técnico superior de formación profesional, de técnico superior de artes plásticas e deseño ou de técnico deportivo superior, establecidos pola Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ou títulos equivalentes, que desexen aumentar a súa nota de acceso, poderán presentarse á fase específica da Proba de Acceso á Universidade (PAU).

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal